A extensión media das vagas de calor na península ibérica e Baleares aumentou un 4% por década dende 1950

DUVI | A investigadora Nieves Lorenzo, do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, xunto cos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé acaban de publicar os resultados dun estudo que mostra como as tendencias durante o período 1950-2020 indican que as vagas de calor na península ibérica e nas illas Baleares “son cada vez máis intensas e os eventos extremos aumentan en magnitude”. As maiores intensidades obsérvanse no oeste peninsular e zonas montañosas, e as menores no litoral mediterráneo. Así mesmo, o aumento da duración dos períodos de vagas de calor é máis pronunciado no este/sueste, onde o aumento de intensidade tamén é maior.