A G-Night leva a ciencia a pé de rúa para toda a cidadanía

DUVI | A praza do Berbés foi o epicentro na tarde-noite deste venres da divulgación científica coa celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo para achegar o coñecemento científico e a investigación a toda a cidadanía de Galicia. A UVigo, a través da Unidade de Cultura Científica, lidera un consorcio formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos, que dan forman a unha proposta que se desenvolveu simultaneamente este venres nunha trintena de localizacións repartidas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. En total, foron máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que espallaron a ciencia a pé de rúa e ao alcance de toda a cidadanía.