A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema Conciencias creativas, Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo serán os escenarios de decenas de actividades que teñen o obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.

Así, miles de persoas, como as máis de 7000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo dos robots, ao cifrado matemático, ás aplicacións da IA, á seguridade viaria, ao efecto invernadoiro, microplásticos ou mesmo ás lesións muscoesqueléticas dos músicos. Charlas sobre aprendizaxe de linguas, unha camiñada para descubrir a pegada de Castelao en Pontevedra ou un obradoiro de escrita antiga, son só unha pequena mostra das actividades das que poderán gozar as persoas que participen na G-Night, tanto nos campus, como nas cidades de Vigo, Ourense Pontevedra.

Coordinada pola UVigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o INIBIC, IDIS, CITMAga e CESGA, desta volta, a G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través da GAIN, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.