A intervención arqueolóxica en Ons deixa ao descuberto unha segunda factoría romana de salga e novos restos

Sondaxe onde se localizou o terceiro pío de salga

DUVI | A intervención arqueolóxica que o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolveu esta semana no xacemento romano da illa de Ons chegou este venres ao seu remate facendo un balance moi positivo dela. Entre os resultados acadados, os seus responsables destacan como localizaron unha segunda factoría de salga, que se suma á xa coñecida, e restos de ocupación prerromana relacionados co castro desta illa.