A investigación e innovación, claves para que Galicia medre como potencia forestal

DUVI | Practicamente a metade da superficie de Galicia son masas arboradas, que ocupan preto de 1,5 millóns de hectáreas do territorio dunha comunidade que se sitúa entre os once principais produtores de madeira de Europa. Estas foron algunhas das cifras que o director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, puxo sobre a mesa na primeira conferencia das xornadas Innovación na cadea forestal-madeira de Galicia, dirixidas a afondar no papel da I+D+i nesta industria, desde no referido á explotación das masas forestais ata a xeración de novos produtos a partir da madeira. Coordinadas polos profesores Pedro Figueroa e Adela García-Pintos, trátase dunhas xornadas dirixidas a achegar o alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal as visións de diferentes profesionais, que poden seguirse tanto de xeito presencial como virtual.