A madeira da paulonia e o sargazo, fonte de compostos de alto valor engadido para bioprodutos e bioetanol

Paulonia

DUVI | A paulonia é unha árbore de rápido crecemento. A macroalga Sargassum muticum, coñecida como sargazo, é unha especie invasora presente na costa galega. Tendo en conta a dispoñibilidade de recursos que supoñen estas dúas características, na súa tese de doutoramento, Pablo García del Río, investigador da Universidade de Vigo, desenvolveu estratexias para o aproveitamento destas dúas biomasas como fonte de compostos de alto valor engadido para bioprodutos e bioetanol.

A tese estivo dirixida por Gil Garrote e Aloia Romaní e foi  presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo o título Integración de biorrefinerías de segunda e terceira xeración: valorización da madeira de rápido crecemento de Paulownia e da macroalga invasora Sargassum. O estudo levouse a cabo dentro do Departamento de Enxeñaría Química da UVigo, concretamente na liña de investigación Valorización de Biomasa Vexetal do grupo de investigación BV1 (Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) e estivo enmarcado en dous proxectos de investigación estatais financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Procesos multietapa para o aproveitamento integral de macroalgas e biomasa vexetal e Avances cara unha biorrefinería sostible baseada na valorización de especies invasoras).