A Mede de Eurípides, a revolta do outro que cuestiona o sentido tradicional da identidade helena

Almudena Pérez

DUVI | Como muller, como estranxeira e como sabia, a Medea que presenta Eurípides na súa obra representa unha tripla oposición á identidade clásica da civilización grega, contraria ao prototipo ideal da época helena definido polo home, grego e tradicional. Medea é o “outro”, a contraposición ás normas sociais da época, unha protagonista pouco común na literatura clásica que antepón a condición de muller á de nai; que mata os seus fillos ao ser abandonada polo seu esposo, Jasón; que finalmente, en lugar de ser castigada é salvada polos deuses. “Na cultura occidental é o paradigma da muller malvada e salvaxe, a terrible muller que asasina os seus fillos para vingarse do seu marido”, explica a investigadora Almudena Pérez de Oliveira, que recoñece que non é habitual atopar no mundo clásico un personaxe feminino tan complexo e cheo de ambigüidades como o da heroína creada por Eurípides”. Foi precisamente esta fascinación e a demonización desta figura o que a levou a centrar a súa tese de doutoramento nas claves históricas e sociais para unha relectura da Medea de Eurípides.