DUVI | Con máis dun quilómetro de lonxitude, Praia América tense convertido nun dos reclamos turísticos máis recoñecibles de Galicia. Pero antes de chamarse así, este areal do concello de Nigrán era coñecido como praia de Lourido. Foi precisamente para atraer o turismo polo que en 1927 o empresario Manuel Lemos, emigrante en Arxentina, apostou por rebautizar o areal. Agora, case 100 anos despois, un proxecto científico tratará de recuperar unha pequena parte do que Praia América foi no pasado.
Á fronte desta iniciativa está a empresa Hydrosphere, spin-off da Universidade de Vigo, xurdida do grupo de investigación en ecoloxía costeira, EcoCost. A súa proposta, en colaboración co grupo de investigación XM1 do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Concello de Nigrán, o Instituto de Investigacións Mariña e a delegación do CSIC en Galicia, foi unha das seleccionadas pola Fundación Española para la Ciencia y Tecnología nunha convocatoria de axudas para fomentar o coñecemento científico entre a sociedade e incentivar as actividades de ciencia cidadá.