A obesidade reduce a esperanza de vida, pero non naquelas persoas fisicamente activas

Adriano Sánchez Lastra e Jakob Tarp

DUVI | A obesidade é un problema de saúde global, que afecta a máis de 670 millóns de persoas e que pode conducir a patoloxías crónicas como diabetes de tipo 2, enfermidades cardiovasculares ou cancro. Trátase pois dun factor de risco de morte prematura que, segundo un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Sidney e da Norwegian School of Sport Sciences, podería verse compensado pola práctica regular de actividade física. Publicado na revista Mayo Clinic Proceedings, este estudo parte da análise dos datos reunidos no UK Biobank, que realizou ao longo dunha década un seguimento a máis de 300.000 persoas, e tiña como obxectivo coñecer se a actividade física atenúa o risco de mortalidade con independencia dos niveis corporais de masa graxa.