DUVI | O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo vén de realizar a primeira escavación arqueolóxica na illa de Sálvora. A intervención, indican os seus responsables, permitiu “descubrir un importante xacemento romano” que posiblemente corresponda cunha factoría de salgadura.
A iniciativa forma parte da colaboración existente entre a institución académica e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Esta colaboración ten permitido ao GEAAT escavar e investigar desde o ano 2021 na illa de Ons dous importantes xacementos de época romana. Nesta ocasión, contouse co apoio e a colaboración do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN). O obxectivo da intervención en Sálvora, na que participou un equipo de catro membros do GEAAT, foi o de “afondar no coñecemento sobre a ocupación humana antiga desta illa, a máis norteña das que conforman o parque e poder confrontar os datos cos recollidos nas actuacións na illa de Ons”.