DUVI | Durante o ano 2020 investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participaron, da man da Autoridade Portuaria de Vigo, na primeira fase do proxecto Peiraos do Solpor, unha iniciativa que ten como finalidade recuperar e poñer en valor a biodiversidade mariña dos ecosistemas portuarios ao tempo que converte estas zonas nunha ferramenta de concienciación e goce para a cidadanía.
Esta primeira etapa, denominada PuertAlMar, conclúe esta semana as súas actividades tanto científicas como divulgativas. De feito, este xoves presentáronse no Porto de Vigo unha serie de paneis divulgativos así como un balance da eficiencia das estruturas somerxibles para o asentamento de organismos mariños instaladas polos científicos do CIM-UVigo. Neste acto de peche estiveron presentes o presidente de la Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, xunto cos investigadores do Grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) Jesús Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López, entre outros, así como unha representante da Asociación Cultural e Deportiva do Porto.