DUVI | Estreada en 2017, a serie estadounidense The Good Doctor presenta un retrato do trastorno do espectro autista (TEA) de “alta calidade”, pero con limitacións no referido á “diversidade e complexidade do espectro, o que pode influír negativamente na percepción” do autismo. Esta é unha das ideas que se extrae da investigación que Rosa Fontes desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que, partindo dunha serie que ten como protagonista a un cirurxián con autismo, buscou analizar a percepción do TEA na sociedade. A principal conclusión da súa investigación é que The Good Doctor contribuíu “á adquisición de coñecementos e á sensibilización” da cidadanía respecto deste trastorno, mais tamén transmite, explica, “algunhas ideas erróneas e pouco realistas sobre as persoas con autismo”.