DUVI | Sete anos investiu o filólogo ponteareán Fernando Groba Bouza na elaboración da súa tese de doutoramento O léxico da hipoloxía no galego oral, unha investigación que pon en valor a grande importancia, a pesar do escaso recoñecemento, tanto da administración, como dos medios de comunicación e da sociedade en xeral, de Galicia no conxunto do Estado español, onde se sitúa como segunda comunidade autónoma en número de explotacións de gando equino, só superada por Andalucía, segundo datos do Ministerio de Agricultura. A celebración anual de máis de 200 actividades, como 15 feiras cabalares de grande impacto no contexto estatal e europeo, unha vintena de curros ou rapas das bestas nas súas serras, 80 concursos ou probas federadas que organiza a Federación Hípica Galega e máis dun cento de eventos ecuestres como rutas, xuntanzas e festas do cabalo, confirman a relevancia dun sector, ao que o investigador está vinculado desde neno, “case comecei a montar antes do que a andar”, explica, e, desde hai anos, como socio da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega(Puraga).