A UCC+i convida á cidadanía a identificar e fotografar a biodiversidade da flora e fauna do campus de Vigo

DUVI | O vindeiro 27 de marzo, o campus de Vigo volverá ser o escenario do bioblitz, unha competición na que as persoas participantes deberán localizar, fotografar e identificar o maior número posible de especies do ecosistema da contorna nun tempo determinado. Trátase da actividade estrela da programación do Día Mundial da Vida Silvestre, unha data na que se celebra a beleza e variedade da flora e a fauna salvaxe.

Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica, que se desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación y Universidades, a actividade estará aberta a toda a cidadanía, incluído o estudantado da UVigo, que deste xeito poderá coñecer e familiarizarse coa biodiversidade do campus.

“O campus de Vigo, ao atoparse nun monte relativamente afastado da cidade, é fogar para moitas especies de flora e fauna que acompañan o profesorado e o estudantado na súa vida diaria”, explican dende a Unidade de Cultura Científica. “Queremos que a cidadanía teña a oportunidade de explorar esta riqueza biolóxica existente na nosa contorna”.