A Universidade de Vigo vén de pór en marcha unha serie de actividades divulgativas co fin de conmemorar o Día Mundial da Xustiza Social, unha data dedicada a apoiar o traballo da comunidade internacional para erradicar a pobreza e promover o emprego pleno, o traballo digno, a igualdade entre homes e mulleres, o acceso ao benestar social e a xustiza social para todas as persoas. As accións vencelladas a esta efeméride forman parte do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Entre o catálogo de propostas da UVigo para conmemorar o Día Mundial da Xustiza Social atópase a conferencia “Xustiza social para combater a desigualdade no mercado laboral”, un relatorio que se desenvolveu nunha das aulas da Facultade de Educación e Traballo Social (FETS) do Campus de Ourense este xoves, e que contou coa asistencia cunha quincena de persoas usuarias da Asociación Down Ourense, do Centro Marlau e do CIFP Portovello.
O relatorio versou sobre “o muro dos prexuízos” que favorecen a discriminación de moitas persoas cando intentan acceder ao mercado laboral. Os colectivos asistentes tiveron oportunidade de participar nunha dinámica grupal na que reflexionaron colectivamente sobre conceptos como a feminización da pobreza, a exclusión das persoas con discapacidade do mercado laboral ou o idadismo.
Tras a conferencia, impartida pola investigadora Sabela Pérez Martín, do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT), as e os asistentes participaron nun obradoiro gratuíto de elaboración de videocurrículum, no que tiveron ocasión de aprender as destrezas necesarias para confeccionar un currículo profesional en formato audiovisual “completo, innovador e adaptado ás demandas do mercado”.
Segundo a UCC+i, esta xornada persegue un dobre obxectivo: “por unha banda, queremos aproveitar a conmemoración do Día Mundial da Xustiza Social para achegar á sociedade o traballo de investigación que se leva a cabo dende a UVigo sobre o desemprego, a segregación ocupacional, a discriminación salarial e a desigualdade laboral ; e pola outra, ofrecer un asesoramento personalizado e gratuíto para favorecer a inserción laboral daqueles colectivos que máis o precisan”.
Xunto co Día Mundial da Auga ou o Día Mundial da Saúde, a celebración do Día Mundial da Xustiza Social supón unha das novidades que introduce o programa anual de actividades da UCC+i, todas elas vencelladas cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Estas actividades acompañan aquelas que xa son parte da programación estable de Ciencia de Ida e Volta dende hai varios anos, como as celebradas con motivo do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia (11F) ou a expo-feira científica A ciencia que vén, que terá lugar no mes de abril.