A Universidade acolle as primeiras probas piloto que se realizan de tecnoloxía Network Slicing 5G

David Rodríguez, Rubén Pérez, Alberto Estévez e Felipe Gil

DUVI | A Universidade de Vigo, como responsable do Laboratorio 5G e centro de investigación cunha ampla experiencia nesta temática, vai acoller as primeiras probas piloto que se realizan en Galicia, e das primeiras que se fan a nivel mundial, de Network Slicing 5G, unha tecnoloxía que permitirá xerar novos servizos e avanzar na transformación dixital da sociedade. O proxecto vai dirixido a demostrar a flexibilidade desta rede para adaptarse aos distintos casos de uso empresariais e, da súa posta en marcha, vanse encargar o Grupo de Tecnoloxías de Información da Universidade de Vigo, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, e as empresas Telefónica e Cisco, líder mundial en equipos de redes.