DUVI | Este venres 30 de maio, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se celebra por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero e comprende unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses. Preto de 30 obradoiros, stands interactivos, coloquios, espectáculos e actividades artísticas, coordinados por preto de 25 grupos de investigación, conforman a programación dun evento que arrancou na mañá deste venres coa visita de preto de 240 estudantes de sete centros de ensino do municipio e que pola tarde abre as súas portas ao conxunto da cidadanía.
