A Universidade de Vigo internacionaliza a súa actividade arqueolóxica cun proxecto en Marrocos

A campaña de campo iniciouse o pasado 29 de outubro

DUVI | No norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior, localízase o xacemento de Tahaddart, un complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan ata seis grandes fábricas de salgadura de peixe. Este enclave é o escenario do primeiro proxecto arqueolóxico internacional da Universidade de Vigo, que levará ata o 2025 ao seu Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) a afondar no coñecemento deste xacemento e do comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. A primeira intervención no xacemento xa se está a levar a cabo a cargo dun equipo hispano-marroquí formado por 30 persoas.