A Universidade incorporará dous investigadores seleccionados no programa europeo Starting Grant

Mario Pansera e Sara Varela

DUVI | Dirixidas a que novas e novos investigadores destacados poidan crear os seus propios equipos de traballo e desenvolver liñas de investigación pioneiras, as bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) recibiron neste 2020 un total de 3272 candidaturas, das que só 436 acadaron o financiamento do organismo europeo. Entre elas, as presentadas polos investigadores Mario Pansera e Sara Varela, que, ao abeiro do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación (Gain), desenvolverán na Universidade de Vigo uns proxectos que obtiveron, cada un deles, preto de 1,5 millóns de euros nesta convocatoria. Ao longo dos próximos cinco anos, o italiano Mario Pansera levará a cabo unha investigación que ten como obxectivo analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando “novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas”, mentres que Varela retornará ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies.