A Universidade sae á rúa para que afloren as vocacións científicas

DUVI | Construír unha hélice de ADN con gominolas, aprender o que é a bioxeografía nun xogo de supervivencia, coñecer os diferentes organismos que viven nos solos nunha piscina de bólas ou observar dispositivos biomédicos e maquetas de pequenos satélites a escala real. Estas son algunhas das propostas que a Universidade de Vigo despregou este venres na praza de Ferraría de Pontevedra, na expo-feira A ciencia que vén, na que 14 grupos de investigación deron a coñecer as súas liñas de traballo a través de obradoiros e actividades dirixidas a un público familiar. Contribuír ao fomento de vocacións científicas entre as novas xeracións, así como achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador eran os obxectivos dun evento que arrancou pola mañá coa visita de preto de 150 escolares dos CEIP Froebel e Barcelos, abríndose pola tarde ao público xeral.