A UVigo achégase ao ensino secundario divulgando o coñecemento desenvolvido polos seus grupos de investigación

Guías didácticas

DUVI | Saúde e os seus coidados no camiño miñoto ribeiro; Máis aló do prato. Analizando a dieta alimentaria na miña contorna; En galego 24/7. Da minorización ao neofalantismo e Procesos de separación son os títulos das primeiras catro guías prácticas publicadas pola Área de Normalización Lingüística da UVigo, ao abeiro da iniciativa En Galego! Investigación e divulgación científica, e coa colaboración da Unidade de Cultura Científica da UVigo. “A proposta de elaborar estas guías ten como principal obxectivo incentivar o diálogo entre a universidade e o ensino secundario. Xa que logo, as guías están especificamente pensadas e deseñadas para tratar de espallar nos centros de secundaria os coñecementos que sobre temáticas diversas están a desenvolver grupos de investigación da UVigo, cunha intención fundamentalmente divulgativa”, sinala Fernando Ramallo, director da ANL, que tamén agarda que a proposta poida contribuír á captación de alumnado.