A UVigo artella arredor do programa Ciencia de ida e volta sete meses de actividades de divulgación científica

Ciencia de ida e volta

DUVI | Despois das dificultades, cambios e cancelacións do 2020, este curso regresarán, e con forza, as actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo. As vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentaron este luns no edificio Redeiras o programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo. Como explicaron, estas accións supoñen un regreso á presencialidade co obxectivo de promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Para iso, levaranse a cabo actividades que porán en valor e difundirán as investigacións que se realizan desde a Universidade de Vigo e que serán unha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as partes.