DUVI | Coincidindo coa celebración do Día da Ciencia en Galego, o 4 de novembro, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo pon en marcha a primeira edición do concurso de monólogos científicos en galego Gargallada Científica, un certame que anima o persoal científico a empregar o humor para comunicar a ciencia. Trátase da actividade inaugural dun catálogo de propostas que tamén inclúe unha gala final o 11 de decembro e o lanzamento da segunda edición da publicación Escolma de Termos Científicos.
Gargalladas Científicas, dirixido a todo o persoal investigador da Universidade de Vigo, está aberto dende hoxe ata o vindeiro 4 de decembro. Durante este período, as persoas interesadas poderán enviar un vídeo de máximo tres minutos coa súa interpretación persoal dun monólogo científico en galego, que deberá ser orixinal e inédito e basearse nun tema científico ou tecnolóxico.
