A UVigo colabora coa Xunta na elaboración dunha estratexia contra o idadismo pioneira en Europa

DUVI A Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo colabora coa Xunta de Galicia na elaboración da primeira Estratexia galega contra a discriminación por idade, unha medida pioneira en Europa que buscará afrontar este fenómeno desde distintos ámbitos, segundo informou este luns o Goberno galego. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo nesta xornada unha reunión coas persoas responsables desta cátedra, que dirixe a profesora da Facultade de Comunicación Ana Belén Fernández Souto. A xuntanza tiña como obxectivo avanzar na preparación dun documento “que permitirá estudar, reflexionar e formular propostas para erradicar os estereotipos e a discriminación contra as persoas maiores”, segundo salientou o Goberno galego.