DUVI | Deseñar unha aplicación web que permita automatizar o proceso de detección de informacións falsas e, máis en concreto, que permita verificar se as afirmacións realizadas polos políticos e políticas participantes nun debate electoral son certas ou non. Este é o principal obxectivo do proxecto DEBATrue, que, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinan os investigadores do grupo CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto. 20 investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos integran o equipo de traballo dunha iniciativa dirixida a contribuír, como sinalan os seus responsables, á “loita contra a desinformación”, a través da identificación de “boatos ou datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral”. Nese senso, como recolle a memoria dun proxecto que se desenvolverá ata 2023, o seu propósito é tratar de sumar aos “actuais procesos manuais” de verificación unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que “se acelere a comprobación e verificación da información” e poidan rebaterse, “antes de que se viralicen”, as posibles afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral, coa idea tamén de que esta ferramenta poida logo empregarse para a verificación de información noutros ámbitos.
A UVigo coordina o deseño dunha plataforma automática de verificación de información orientada ao debate político
