A UVigo formaliza o contrato con Rodman Polyships para a construción do buque oceanográfico de última xeración do CIM

DUVI | O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) formalizou este mércores o contrato co estaleiro moañés Rodman Polyships para a construción dun buque oceanográfico de última xeración con propulsión híbrida enchufable, por un valor de 1,5 millóns de euros (sen IVE) e cun prazo de execución de oito meses. O catedrático da Universidade de Vigo e director do CIM, Daniel Rey, valora positivamente a adxudicación, xa que “demostra a calidade e capacidade naval de Vigo e arredores para achegar solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito mariño, encaixando estas coas políticas de Porto Verde defendidas pola Autoridade Portuaria de Vigo e que tamén comparte o CIM-UVigo”, salientou o principal responsable do CIM, quen tamén adiantou que “nos vindeiros días realizarase un acto público coa empresa adxudicataria para selar a colaboración”.