A UVigo lidera un dos paquetes de traballo de Caramuel, a primeira misión satelital en órbita xeoestacionaria para comunicacións cuánticas

DUVI | A Universidade de Vigo é unha das entidades que está a participar no estudo de viabilidade de Caramuel,  a primeira misión satelital global en órbita xeoestacionaria destinada á distribución cuántica de claves, unha das principais tecnoloxías que definirán as comunicacións seguras do futuro. Financiado pola Axencia Espacial Europea e liderado pola empresa Hispasat, este estudo reúne a participación de múltiples empresas e organismos de relevancia internacional co obxectivo de desenvolver unha carga útil que sitúe a España á vangarda das comunicacións espaciais seguras. “A intención é lanzar un satélite comercial xeoestacionario para comunicacións cuánticas, algo que, se todo sae ben, podería producirse en 2025”, explica o profesor e investigador de atlanTTic, Marcos Curty, responsable deste proxecto na Universidade de Vigo.