DUVI | Os organismos microscópicos mariños que conforman o microplancto seguen a esconder moitos segredos para a ciencia. Viven na columna de auga e caracterízanse porque non son capaces de nadar a contracorrente e neste conxunto inclúense unha amalgama de organismos moi diferentes e con funcións moi dispares, que interaccionan entre si e dependen uns dos outros. A característica común é que teñen un tamaño menor de 200 micrómetros e poden pertencer a tres dominios: Archaea, Bacteria e Eukarya (Woese et al., 1990). Pero dentro do microplancto, o coñecemento que existe sobre o fitoplancto (a parte vexetal do plancto) é moito máis amplo que o que existe sobre os organismos heterótrofos máis pequenos, as bacterias. Mentres no primeiro caso se empregan microscopios para estudalos, as bacterias non son discernibles ao microscopio, polo que habitualmente son consideras unha ‘caixa negra’, “un grupo homoxéneo de descoñecidos que realiza en conxunto unha función básica: degradar a materia orgánica producida por outros microbios”. Así o explica Sandra Martínez-García, investigadora distinguida do Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB, CIM) é unha das científicas implicadas no proxecto TRAITS, unha iniciativa que arrancou hai un ano liderada polo Centro Nacional de Biotecnología (CNB, CSIC) e na que participa a Universidade de Vigo, ademais da Universidad de La Laguna.
