DUVI | “O cambio climático constitúe un gran desafío para os bosques europeos, demostrado polos recentes eventos extremos e perturbacións forestais, dunha intensidade sen precedentes”. Este feito, como explica o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, constitúe o punto de partida de Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), un proxecto de investigación seleccionado na convocatoria europea Horizonte 2020, no que participan 20 institucións e organismos de doce países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo. Coordinado polo European Forest Institute (EFI), este proxecto ten como obxectivo orientar a toma de decisións para mellorar a resiliencia dos bosques e das cadeas de valor forestais ante os desafíos e ameazas derivados do cambio climático. Cun orzamento de cinco millóns de euros e unha duración de catro anos, a institución viguesa está representada neste proxecto por investigadores da EE Forestal e do grupo Rede, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que ademais de participar nos diferentes grupos de traballo, responsabilizaranse dun dos casos de estudo inseridos nesta investigación, centrado na cadea de valor asociada ao piñeiro en Galicia e no norte de Portugal.