A UVigo promove o coidado do mar nas aulas de Vilaboa polo Día Mundial da Pesca

DUVI | A Universidade de Vigo, a través da súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), únese á celebración do Día Mundial da Pesca, que cada 21 de novembro promove a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para poñer en valor as comunidades pesqueiras de todo o mundo e destacar a importancia desta actividade para a vida e a sustentabilidade dos ecosistemas mariños.

Aproveitando esta data e a relevancia da actividade pesqueira en Galicia, a UCC+i impulsará varias accións de carácter divulgativo en colaboración co CPI do Toural, en Vilaboa, da man do grupo de investigación Future Oceans Lab (FOL) do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo). O obxectivo é fomentar unha maior conciencia ambiental arredor da sustentabilidade mariña entre o alumnado a través de actividades gamificadas e artísticas.

“Vilaboa é unha localidade costeira cunha forte relación histórica e económica co mar e coa pesca” destacan dende a UCC+i. “Levar alí unha actividade sobre sustentabilidade mariña e pesqueira reforza a conexión entre a investigación universitaria e o territorio e recoñece o papel das comunidades locais na conservación dos recursos mariños”.