A UVigo recoñece o labor dos seus Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento

DUVI |  A Universidade de Vigo celebrou este venres no edificio Redeiras unha emotiva gala de recoñecemento aos Embaixadores e Embaixadoras da Ciencia e do Coñecemento, unha iniciativa que, desde a súa posta en marcha en 2022, converteu a 22 alumnas e alumnos do Programa Universitario de Maiores, acompañados por 16 investigadores e investigadoras da UVigo como mentores e mentoras, en divulgadores da ciencia e do coñecemento en cafeterías e outros espazos sociais das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.

O acto serviu para agradecer o compromiso de todas estas persoas nun programa que xa se consolidou como unha ponte entre a universidade e a sociedade, achegando a importancia da divulgación científica, a transferencia de coñecemento e a aprendizaxe ao longo da vida ao conxunto da cidadanía.

Durante a cerimonia, o novo vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, destacou o compromiso da Universidade e, especialmente, das persoas participantes no programa. “A súa implicación resulta fundamental para achegar o coñecemento xerado nas aulas e nos grupos de investigación a públicos diversos”. Subliñou, así mesmo, que a súa colaboración e capacidade para comunicar de forma accesible cuestións complexas que contribúen de xeito claro a fortalecer a vocación de servizo público da institución e a fomentar unha cidadanía máis informada e crítica.