Alba Aguión, primeira galega nunha rede internacional de científicas que aspiran a liderar as decisións sobre o futuro do planeta

A bióloga viaxará coas outras 79 seleccionadas á Antártida

Co obxectivo de constituír unha rede internacional de 1000 mulleres formadas en diversos ámbitos científicos, que poidan liderar e influír na toma de decisións que afectan ao planeta, arrancaba no ano 2016 en Australia o programa Homeward Bound. Ata o ano 2026 esta iniciativa, que permitirá poñer en valor e visibilizar o papel das científicas, seleccionará cada ano entre 70 e 90 mulleres ás que ofrecerá un programa de formación en liderado no que traballarán diversas habilidades relacionadas coa xestión de equipos, relacións internacionais ou comunicación, ademais da oportunidade de participar nunha viaxe conxunta, que nesta edición será á Antártida.

A docente e investigadora de Future Oceans Lab da Universidade de Vigo Alba Aguión acaba de converterse na primeira científica galega en ser seleccionada para a quinta edición do proxecto, ao que presentou a súa candidatura, e que considera “unha oportunidade única de mellorar as miñas capacidades de liderado da man de expertas e expertos mundiais e de contactar con outras científicas, co interese de loitar por un mundo máis sostible e libre de estereotipos de xénero”, explica a bióloga, que se atopa en EEUU realizando unha estadía.