Alumnado de diferentes titulacións creará na Cidade da Cultura videoxogos inspirados nunha obra literaria

orge Soto, Beatriz Legerén e Ana Isabel Vázquez

DUVI | Estudantes de diferentes perfís e titulacións traballarán conxuntamente nas instalacións da Cidade da Cultura no deseño e desenvolvemento do primeiro nivel dun videoxogo inspirado nunha obra literaria galega no marco da Residencia ComTecArt, que impulsan a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura. Incluída no programa de Residencias Artísticas no Gaiás (REGA), esta iniciativa está aberta á participación de alumnado de calquera grao ou máster da Universidade de Vigo, así como a titulados e tituladas no pasado curso 2020-2021, que dispoñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas solicitudes. De entre as diferentes candidaturas, seleccionaranse un máximo de 17 participantes, que integrarán os equipos multidisciplinares que, a partires do mes de marzo, tomarán parte no Gaiás nunha iniciativa que toma o seu nome do grupo de innovación docente ComTecArt, que desde hai cinco anos leva a cabo nas aulas unha experiencia similar, con alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.