DUVI | Galicia é a primeira industria conserveira de Europa e a segunda do mundo, representando este sector preto do 3% do PIB autonómico e o 0,15% a nivel estatal. A saúde deste ámbito segue a ser moi boa e, a pesar da pandemia, a súa facturación estatal aumentou nun 5%. Pero as fontes de enerxía térmica que emprega principalmente este sector son os combustibles fósiles, como el fueloil, o gasóleo e o gas natural, altamente contaminantes, xa que o seu uso representa o 80% das emisións de dióxido de carbono a nivel global. De feito, case a metade da enerxía que consumen estas empresas procede deste tipo de combustibles fósiles e o gasto enerxético anual é duns 80 millóns de euros.
Para afrontar unha transición enerxética neste sector, a Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca acaban de poñer en marcha o proxecto DES.CO2, unha iniciativa seleccionada dentro da convocatoria de axudas a agrupacións de entidades que realicen proxectos de investimento e reforma en materia de investigación para o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o equilibrio da cadea de comercialización no sector pesqueiro e da acuicultura no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, con fondos Next Generation da EU. O proxecto terá unha duración 26 meses e un orzamento total de 650.257€, dos cales 590.480€ son subvencionados.