DUVI | Velar pola saúde e a biodiversidade dos solos europeos. Este é, en esencia, o grande obxectivo co que se pon en marcha o proxecto europeo SOB4ES, Integración da biodiversidade do solo nos servizos ecosistémicos: comprobación da rendibilidade dos indicadores de biodiversidade do solo e da prestación de servizos ecosistémicos baseados na biodiversidade para crear mellores solucións de xestión que apliquen eficazmente a estratexia da Unión Europea para o solo. Financiado con 7,2 millóns de euros e cunha duración de cinco anos, o proxecto está coordinado pola Universidade de Vigo e foi precisamente a cidade olívica a elixida para celebrar esta semana a reunión de lanzamento, un encontro no que participaron representantes dos 19 socios implicados, profesionais procedentes de máis dunha ducia de países: Francia, Grecia, Países Baixos, Suecia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, República Checa, Israel, Eslovenia, Romanía e Suíza.