DUVI | A unlla de gato, Carpobrotus edulis, é unha das principais ameazas para a conservación da biodiversidade vexetal da costa galega. Presente en case todos os hábitats dunares da comunidade, esta especie invasora compite coas plantas autóctonas e produce importantes impactos nos ecosistemas que invade, xa que modifica o PH, a humidade e os nutrientes do solo, reduce o movemento da area e compite coas especies nativas polos recursos. Para poder frear a súa expansión é preciso coñecer os factores que facilitan o seu avance, aspecto no que se centra a tese de doutoramento de Yaiza Lechuga, investigadora do grupo de Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, baixo da dirección dos profesores Ana Novoa e Luis González.