DUVI | Segundo un informe do portal Universo Crowdfunding, o chamado “financiamento participativo”, as iniciativas de micromecenado que se impulsan a través da rede, recadaron o ano pasado en España preto de 220 millóns de euros. Non obstante, a pesar do número de iniciativas, tanto empresariais como sociais, que se financian a través do crowdfunding, “a aplicación política desta ferramenta dixital fora escasamente estudada até a data”, como sinala o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Bruno González, que analizou na súa tese de doutoramento as campañas de micromecenado impulsadas por diferentes tipos de organizacións do movemento social, asociacións ou ONG, que “tiñan unha finalidade de cambio social e político”.