As técnicas dixitais poden reducir a expresividade das películas de animación

Manuela Elizabeth Rodríguez

DUVI | Desde o nacemento da animación, son moitas as cintas deste xénero que ocupan as pantallas cinematográficas cada ano, fascinando a público infantil, xuvenil e adulto. Tendo en conta o interese deste tipo de producións audiovisuais, a xa doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea Manuela Elizabeth Rodríguez observou na análise realizada para a súa tese que, mentres películas clásicas como O libro da selva ou Os aristogatos manteñen as liñas trazadas polos ilustradores nos bosquexos iniciais, outras obras máis recentes afástanse do debuxo orixinal para “dar paso a un hiperrealismo inexpresivo xerado con programas informáticos”.

Atendendo á evolución histórica do esbozo, a tese titulada La huella gráfica del boceto en animación comercial, analiza de que maneira, en que grao e con que intención aparecen nesta clase de cinema os trazos esquemáticos dos personaxes. Nun traballo de cinco anos levado a cabo baixo a dirección do catedrático José Chavete e a profesora do Departamento de Pintura Sol Alonso, Rodríguez reflexiona sobre a posibilidade de considerar como obra definitiva, e non como parte do proceso, unha animación tradicional constituída enteiramente por bosquexos.