Avanza a fabricación do UM21 que o vindeiro ano competirá nas probas de Formula Student de Alemaña e España

Membros do equipo

DUVI | Tras un ano en branco no que a competición se refire, que non noutros ámbitos do proceso de deseño e construción do vehículo, UVigo Motorsport arranca este curso 20/21 ultimando o traballo de fabricación do monopraza que quedara paralizado en marzo por mor da covid-19. “O vehículo, que competirá no 2021 nas probas de Alemaña e España de Formula Student, será o que estivemos a desenvolver durante o curso pasado. Dende a volta do confinamento estamos rematando o traballo de fabricación que quedou conxelado e aínda que o deseño xeral do coche mantense, hai algúns sistemas que se poden mellorar no estado de fabricación que estamos”, explica Diego Pérez Casal, líder do equipo, do que poderán solicitar formar parte ata o vindeiro 5 de outubro as e os estudantes de calquera titulación das que se imparten na UVigo. En concreto, o novo equipo traballará na modificación da xeometría da dirección, na simplificación de toda a electrónica e na mellora dos sistemas de DRS (sistema de redución de resistencia) e escape, “ademais poderemos implementar todos os sistemas precisos para a investigación e testeo da condución autónoma para un correcto desenvolvemento para os futuros anos e futuras direccións técnicas da organización da competición”, explica o estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que este ano liderará o equipo, ao que se incorporou hai un ano e no que tamén se encargará do departamento de Organización e Márketing.