Belas Artes presenta unha publicación única no contexto académico

ANUARIO/OBRA

DUVI | Editada unicamente en papel, cunha tiraxe limitada a 300 exemplares que, ademais, presentan diferencias entre eles, derivadas do proceso de autoedición en risografía, a colección ANUARIO/OBRA de Belas Artes nace co obxectivo de ser “distinta ás que existen no ámbito académico e científico”. Así o salientaron os seus impulsores na presentación este venres, na sede da Fundación RAC, do número 0 desta publicación, que reúne unha serie de reflexións e creacións gráficas de 51 docentes, investigadores e artistas en torno ao concepto do lapsus calami, o erro que se comete involuntariamente ao escribir a man.