Este venres, día 12 de maio, ten lugar a primeira edición do Bioblitz, unha nova actividade organizada pola Universidade de Vigo que forma parte do programa anual “Ciencia de Ida e Volta” da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo (UCC+I) e que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología.
Durante esta xornada, as persoas participantes convírtense en exploradoras das ricas contornas naturais nas que están localizados os campus universitarios de Ourense e Vigo. Distribuídos individualmente ou en equipos de ata cinco persoas, terán que localizar e identificar tantas especies como sexa posible durante dúas horas de exploración.
A actividade estará guiada por científicos da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UVigo, que entre as 10:00 e as 10:30 horas ensinarán técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas. A continuación, realizarase a exploración e ás 12:00 terá lugar o reconto de especies e a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas.
Esta actividade ten un número limitado de participantes, polo que, é importante que as persoas que queiran participar reserven a súa praza o antes posible no seguinte enderezo: https://www.eventbrite.es/e/entradas-bioblitz-campus-de-ourense-e-vigo-626961367327
O obxectivo do Bioblitz é achegar as persoas ao medio ambiente e á diversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor.
O desafío Bioblitz realizarase no campus das Lagoas de Ourense e no campus de Vigo (CUVI). Os puntos de encontro serán a pista de atletismo do campus de Ourense, localizada a carón do polideportivo universitario; e a contorna da piscina do CUVI, no caso do campus vigués.
As persoas e grupos participantes guiaranse polos itinerarios designados nos campus e tomarán distintas mostras e fotografías coa aplicación móbil iNaturalist. As imaxes serán identificadas pola aplicación, marcando a autoría, e logo serán gardadas na carpeta do proxecto para a súa verificación por parte dos guías.
Recoméndase levar roupa cómoda e calzado axeitado, ademais de impermeable no caso de día chuvioso. Ademais, aínda que non é obrigatorio, aquelas persoas que dispoñan de prismáticos, artiluxios de medición e guías de campo poden levalos para facilitar a identificación das especies.
Polo menos unha persoa do equipo debe ter acceso a un teléfono móbil con conexión a internet. Así mesmo, aconséllase ás persoas participantes descargar a aplicación e familiarizarse co seu funcionamento antes de acudir ao evento.
Agardámosvos!