Bioblitz, roteiros e obradoiros: a UCC+i celebra a biodiversidade con accións para todas as idades

Participante do Bioblitz realizando unha observación / Hugo Fernández Ricón


Un bioblitz, varios obradoiros sobre biodiversidade do solo e roteiros científicos interxeracionais conformaron a programación da Unidade da UCC+i polo Día Mundial da Vida Silvestre

Máis de 300 persoas participaron nas actividades de divulgación científica organizadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo con motivo do Día Mundial da Vida Silvestre, que se conmemora cada 3 de marzo para sensibilizar sobre a importancia da biodiversidade e a conservación das especies animais e vexetais. A programación deste ano, desenvolvida no marco do plan Ciencia de ida e volta e financiada coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, incluíu actividades para todos os públicos e fixo especial fincapé na ciencia cidadá, a educación ambiental e a interxeracionalidade.

Entre as accións máis destacadas estivo a segunda edición do Bioblitz, unha actividade participativa na que preto de corenta persoas, entre elas estudantes do Programa Universitario de Maiores (PUM), do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma (EMAU), así como público xeral, percorreron a contorna do campus para identificar e rexistrar especies de flora e fauna. Froito desta iniciativa, realizáronse un total de 669 observacións e identificáronse 236 especies, con predominancia de especies propias do bosque atlántico como carballos, acivros, toxos, abeleiras e mesmo un teixo. No que respecta á fauna, fotografáronse lagartos das silvas, ras europeas, abellóns, bolboretas ibéricas ou diferentes tipos de eirugas, entre outros animais.

A UCC+i salientou a boa acollida desta segunda edición, que confirma “o interese crecente pola ciencia cidadá e a vontade da comunidade universitaria de contribuír ao coñecemento e preservación do patrimonio natural”. Neste senso, destacouse tamén a importancia de consolidar o Bioblitz como unha actividade estable dentro da axenda de divulgación científica da UVigo, así como o valor do campu como espazo natural de interese para o estudo da biodiversidade.

Ademais do Bioblitz, a programación incluíu obradoiros sobre biodiversidade do solo dirixidos tanto a alumnado universitario como a estudantes de ensino primario e secundario. O profesorado e persoal investigador do Grupo de Ecoloxía Animal (GEA), Celestino Quintela Sabarís e María Gómez Brandón, achegaron a un total de 150 estudantes do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo) e do IES Pedra da Auga (Ponteareas) os microorganismos que habitan no chan, amosando a súa diversidade e a súa importancia para a saúde e fertilidade do solo, mediante actividades prácticas e interactivas.

Pola súa parte, Silvia Romeo Río, investigadora do grupo BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), impartiu un obradoiro específico sobre biodiversidade en solos de cultivo no Centro de Desenvolvemento Rural do Viso (Lodoselo), no que participaron 65 estudantes do grao en Educación Social.

A celebración do Día Mundial da Vida Silvestre completouse con roteiros científicos interxeracionais nos campus de Ourense e Pontevedra, nos que participaron medio cento de persoas. Estas actividades serviron como espazo de encontro entre xeracións e como ocasión para reflexionar conxuntamente sobre a conservación ambiental. A través destes paseos, persoas maiores e mozas compartiron coñecementos, experiencias e inquietudes arredor da protección do medio natural.

Con este conxunto de accións, a Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso coa divulgación científica, a sensibilización ambiental e a implicación activa da sociedade na protección da biodiversidade, especialmente en contornas urbanas onde a conexión coa natureza é máis limitada.