DUVI | Debuxos e fotografías que reflexen a beleza do mar, a súa biodiversidade e o seu papel como espazo de unión de familia e amigos ou como fonte de recursos e economía azul. Estes son os eixos principais do concurso de fotografía e debuxo que Campus do Mar organiza no marco da celebración do Día Mundial dos Océanos o vindeiro 8 de xuño.
Baixo o título Océanos que unen, o proxecto está dirixido a toda a cidadanía polo que todas aquelas persoas interesadas en participar poderán enviar a súa posposta ata o vindeiro venres 29 de maio ás 14.00h. O único requisito é que as imaxes e debuxos sexan orixinais e inéditos e que teñan como protagonista o océano. O concurso de debuxo está orientado aos máis pequenos da casa e conta con tres categorías que van dos 3 aos doce anos. Por outra banda, o de fotografía dividirase en dúas categorías: unha para mozas e mozos de entre doce e dezaseis anos e outra para todos aqueles maiores de dezaseis.