DUVI | O azar, o aleatorio, os accidentes, os procesos inconscientes, o uso de sistemas mecánicos, a participación de terceiras persoas… Os diferentes métodos que converten en imprevisible parte do proceso de creación dunha obra artística constitúen o eixo central da investigación que Thomas Apostolou desenvolveu para a súa tese de doutoramento. A partires da análise de máis de 200 obras e proxectos nas que elementos alleos ás propias decisións das e os artistas influían no resultado final da obra, Apostolou estudou as diferentes estratexias dirixidas a “eliminar parte do control do artista no proceso creativo”, propondo un “sistema de análise”, baseado nese maior ou menor nivel de control sobre o proceso artístico que implicaban unha serie de prácticas que, ata entón, foran analizadas de forma específica ou como procesos independentes.
Cando a obra abandona o control do artista
