DUVI | Son pioneiros na participación neste programa, por iso o seu exemplo vai servir de guía para todas as alumnas e alumnos interesados en participar no denominado STEMBach, Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e á que a Universidade de Vigo se uniu desde o primeiro momento. Os institutos A Sangriña de A Guarda e Plurilingüe A Paralaia de Moaña foron dous dos centros que primeiro se uniron a esta experiencia e, dous anos despois, os seus alumnos e alumnas son tamén dos primeiros en defender publicamente os seus traballos, proxectos de investigación nos que levan traballando durante os dous últimos cursos.
Se ben a previsión era que estes proxectos se defendesen antes do mes de maio, a situación provocada pola emerxencia sanitaria fixo que houbese que retrasar estas datas e só estes dous centros optaron por defender os seus proxectos no mes de maio de forma virtual a través das aulas do Campus Remoto da UVigo. Hai uns días fixérono os alumnos do IES A Sangriña, titorizados desde a Facultade de Ciencias do Mar, e este luns continuaron as defensas de proxectos, neste caso na Facultade de Bioloxía, coas alumnas e alumnos do IES Plurilingüe A Paralaia. O resto de centros decidiron trasladar as presentacións ao mes de xullo coa esperanza de poder facelo de xeito presencial.