DUVI | Comeza un novo curso e, como vén sucedendo nos últimos anos por estas datas, o persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, sairá á rúa e abrirá as portas dos seus laboratorios para celebrar unha vez máis o seu ciclo de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. O equipo promotor desta iniciativa ten un obxectivo claro: “dar a coñecer ao público xeral a ciencia que se está a desenvolver na actualidade neste centro, ademais de dar visibilidade ao traballo diario do equipo humano que fai todo isto posible”, afirma o director do CINBIO Miguel Correa.
A programación de actividades arranca este xoves pola tarde cunha carpa informativa e lúdica instalada no centro da cidade de Ourense, e continuará en Vigo con outras dúas sesións os días 10 e 13 de setembro.