Ciencia e arte na Biblioteca Central para observar o ceo desde a Terra

Ata fin de mes a biblioteca acolle media ducia de exposicións xurdidas co gallo da G-Night

DUVI | Coa observación do ceo nocturno desde a Terra como fío condutor, a Biblioteca Central do campus de Vigo acollerá ata o vindeiro 29 de outubro media ducia de exposicións nas que se alternan as compoñentes científica e artística. Xurdida da decisión da dirección de participar na G-Night, o que a converte na primeira biblioteca universitaria galega en tomar parte neste evento cunha actividade propia, “creo que foi a actividade deste tipo organizada pola biblioteca que máis traballo supuxo, pero tamén é certo que estamos orgullosos de todo este esforzo e dos resultados obtidos. De feito, a experiencia foi tan boa que estamos a pensar en posibles actividades para a G-Night do ano próximo”, explica Teresita Aboal, subdirectora da Biblioteca Central da UVigo.