DUVI | No Grupo de Nanobiomateriais Funcionais, dirixido pola investigadora Isabel Pastoriza Santos, están habituados a recibir investigadoras e investigadores de todo o mundo que realizan aquí as súas estancias de pre e pos doutoramento, pero esta é a primeira vez que reciben a un investigador gañador dun contrato Marie Sklodowska-Curie Individual Fellowship (MSCA-IF), un dos contratos de posdoutoramento máis prestixiosos que concede a Comisión Europea. Natural da India e tras pasar polo Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, Krishna Kant chegou ao Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, como investigador principal do proxecto Mi-Scan, un traballo no que busca desenvolver unha nova técnica non invasiva de detección precoz de cancro de pulmón, para o que necesitaba un grupo de acollida experto en nanomateriais plasmónicos e detección SERS, polo que non dubidou en contactar con este equipo vigués e coa doutora Maria Teresa Curiel do hospital HM La Esperanza de Santiago de Compostela, experta en cancro de pulmón que tamén apoia e participa neste proxecto.