DUVI | Investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro veñen de deseñar un novo modelo matemático fraccionario compartimental para estimar a propagación da covid-19. O modelo foi aplicado con éxito na análise da evolución da pandemia para os casos de Galicia, España, Portugal e Europa e os resultados obtidos, comentan os responsables do traballo, “permiten conxecturar como é a evolución das novas mutacións, distintas á que comezou inicialmente en China”. Así, as simulacións realizadas permitiron aos investigadores adiantar ao 27 de decembro coñecer como sería a evolución dos datos a tenor do impacto da variante británica do coronavirus.