Trala boa acollida desta acción nas edicións anteriores, retómase esta actividade co propósito de continuar poñendo en valor o uso do idioma propio no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolta na lingua de Galicia. As diferentes iniciativas tratarán de afianzar tres obxectivos principais: normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador na UVigo en galego e apoiar o traballo científico neste idioma.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de ciencia de ida e volta, o programa anual de actividades de divulgación científica da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Programación

Escolma de Termos Científicos III

3.º Minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego

A Escolma de termos científicos III é a terceira edición dun minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego que abarca termos de tres áreas temáticas: as matemáticas, a botánica e a astronomía. O glosario persegue o triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo e apoiar o traballo científico nesta lingua.

No ámbito das matemáticas participan Marcos Loureiro García, profesor permanente laboral na área de Didáctica da Matemática; Sandro Caeiro Oliveira, profesor axudante doutor na área de Matemática Aplicada; e Eliezer Rajoy Sanromán, profesor e coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.

A sección dedicada á astronomía contará coa participación da catedrática Ana María Ulla Miguel e de Cintia Cabada Malvar, investigadora predoutoral. Por último, no ámbito da botánica, as persoas autoras son Nerea Cazás Fraga, investigadora predoutoral no Centro de Investigación Mariña (CIM) e na UVigo, e Celestino Quintela Sabarís, investigador posdoutoral na área de Botánica.

Consulta aquí a Escolma de termos científicos I e a Escoma de termos científicos II

‘Gargallada Científica’

2.º Concurso de monólogos científicos | Do 4 de novembro ao 3 de decembro de 2026

Trátase da segunda edición do certame de monólogos científicos da Universidade de Vigo. A finalidade desta iniciativa é darlle visibilidade ao traballo investigador e fomentar a divulgación dentro da institución educativa, empregando a creatividade e o humor. O certame pretende achegar o coñecemento científico á sociedade dun xeito accesible, entretido e rigoroso, amosando a faciana máis próxima e humana da investigación universitaria. Ademais, con este concurso promoveranse as habilidades comunicativas do persoal investigador, impulsando novos formatos e novas formas de transmitir a ciencia que conecten co público.

As pezas audiovisuais deberán abordar un tema científico ou tecnolóxico cun enfoque divulgativo, empregando unha linguaxe sinxela e unha estrutura atractiva para un público non especializado. Os vídeos terán que presentarse en formato MP4, gravados en horizontal e sen edición, efectos especiais nin diapositivas, e non se admitirán traballos realizados por profesionais.

O prazo de presentación ábrese o 4 de novembro, ás 12.00 horas, e remata o 3 de decembro á mesma hora. Segundo establecen as bases, as persoas participantes deberán enviar o vídeo, ou unha ligazón para descargalo, ao enderezo ucc@uvigo.gal, indicando no asunto “Gargallada científica” e achegando no corpo da mensaxe os seus datos de identificación e contacto. Os monólogos que cumpran as bases publicaranse na canle de YouTube da UCC+i.

O concurso contará cun único premio, consistente nun kit audiovisual valorado en 500 euros e o xurado valorará o contido divulgativo, a creatividade, o humor e a calidade técnica das pezas. O fallo darase a coñecer o 4 de decembro.

Seducindo con ciencias

1.º Speed dating divulgativo | 26 de novembro no espazo INCUVI (praza Miralles) e no edificio Redeiras

A novidade na programación deste ano co gallo do Día da Ciencia en Galego é a edición inaugural do speed dating divulgativo “Seducindo con ciencias”, unha nova proposta de citas rápidas co persoal investigador da UVigo que terá lugar o 26 de novembro no campus de Vigo e no edificio Redeiras.

A dinámica será individual e consistirá en presentar proxectos científicos mediante intervencións de tres minutos e en galego, nas que cada persoa investigadora terá que captar a atención do receptor, explicar o interese do seu traballo e empregar a lingua galega con corrección e eficacia comunicativa.

Ao rematar, as persoas asistentes terán que escoller o proxecto co que máis conectasen, o match científico, e a persoa investigadora que mellor conseguise espertar o seu interese a través da comunicación, o match divulgativo. Deste xeito, a actividade busca poñer en valor tanto a relevancia dos proxectos como a capacidade do persoal investigador para explicalos en galego de forma comprensible, atractiva e próxima.

A proposta contará cunha quenda de mañá, entre as 11.00 e as 12.30 horas, dirixida á comunidade UVigo no espazo INCUVI, situado na praza Miralles do campus vigués; e outra quenda de tarde, entre as 17.00 e as 18.30 horas, para público xeral (maiores de 12 anos) no edificio Redeiras. As persoas que desexen asistir ás actividades poderán inscribirse a través do fomulario habilitado na plataforma Eventbrite.